O goberno municipal está satisfeito do funcionamento do coñecido como 'coche de punto', o servizo de transporte a demanda para os núcleos rurais. Tanto é así que, segundo confirmaron este xoves, xa se estuda a súa ampliación.
Así o avanzou a tenente de alcalde, Eva Vilaverde, que explicou que até o pasado mes de novembro rexistráronse máis de 2.500 viaxes.
A vía de contacto preferente pola cidadanía segue sendo a chamada telefónica, con 2.158 solicitudes, fronte ás realizadas a través da web do servizo.
O estudo encargado polo Concello terá que avaliar as condicións para unha posible ampliación que, en todo caso, pasaría por estender o seu funcionamento ás tardes de luns a venres e ás mañás dos sábados.
O obxectivo desta análise técnica é confirmar mediante datos obxectivos se existe unha necesidade real de ampliar a cobertura horaria para mellorar a prestación aos usuarios.
Calquera modificación horaria, garantiu a responsable municipal, farase de maneira consensuada "e falando loxicamente co sector do taxi", que son os que ofrecen este transporte a demanda.
O Concello convocará reunións cos profesionais do taxi para determinar en que franxas e días é máis recomendable aplicar o incremento de horario.
A intención do goberno local é que a implementación destas melloras "sexa canto antes", unha vez se dispoña das conclusións técnicas e o sector dea o seu visto e prace.
Esta decisión coincide co cumprimento do primeiro ano de funcionamento deste servizo que, segundo lembrou Vilaverde, naceu para cubrir unha "necesidade específica" nas zonas rurais máis dispersas.
Son aquelas ás que o transporte convencional por autobús non chega por non resultar "eficiente" nin económica nin ambientalmente.