Propoñen replicar o 'coche de punto’ pontevedrés no rural de Sanxenxo

Sanxenxo
18 de maio 2026

O BNG solicita ao goberno local o impulso dun 'taxi rural' para garantir a mobilidade, especialmente entre as persoas maiores, as de diversidade funcional ou con menos recursos

Parada de taxis en Sanxenxo
Parada de taxis en Sanxenxo / Mónica Patxot

O BNG reclamará ao goberno municipal de Sanxenxo que poña en marcha un servizo de transporte a demanda en colaboración cos taxistas locais. 

Sosteñen que este servizo axudaría a "rachar coa fenda de desigualdade" que padecen na actualidade as persoas residentes nas parroquias do interior e, ao mesmo tempo, suporía tamén un beneficio para os profesionais do sector en temporada baixa.

Os nacionalistas teñen claro que actualmente Sanxenxo precisa de ferramentas para mellorar a mobilidade no rural, algo que é un "dereito fundamental" e que consideran que actualmente "é unha das grandes eivas" que presenta o concello.

Este 'taxi rural', defenden desde o BNG, serviría para garantir a autonomía de persoas maiores, con diversidade funcional ou con menos recursos, que actualmente, debido ás carencias de transporte público, precisan de terceiros para poder realizar calquera xestión.

"Acudir ao centro de saúde, retirar medicación nunha farmacia ou ir ao banco ou a cumprir cun trámite administrativo convértese nun obstáculo insalvable, sendo unha condena social para os sectores más vulnerables da nosa poboación", advirten os nacionalistas.

A dotación dun servizo de transporte a demanda, engaden, é unha das peticións que con maior frecuencia lles trasladan os veciños e veciñas do rural de Sanxenxo para superar a súa situación de "desconexión e abandono" en materia de servicios.

Este contexto vén motivado, denuncian desde o BNG, polo modelo de xestión do PP, que "proxecta de cara a o exterior unha imaxe de capital turística moderna e fai practicamente todas os investimentos importantes na costa, provocando unha fenda de desigualdade".

A implantación deste servizo suporía, ademais, un pulo importante para os taxistas de Sanxenxo, que, tal e como recorda o BNG, sofren unha "estacionalidade extrema" e manteñen un servizo esencial durante os meses máis duros do inverno.

"Elas eles son peza clave para artellar un sistema de transporte a demanda que sexa eficiente, humano e económicamente sostible", sentencian.