Medio millón de euros que 'levantan bochas'

Pontevedra
04 de maio 2016

A pista de atletismo do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, nas que a Xunta de Galicia investiu preto de medio millón de euros no último ano, presenta graves deficiencias só cinco meses despois da súa estrea. Ás elevacións que puxeron en dúbida a súa homologación únense agora burbullas de aire na recta principal que poñen en perigo a integridade dos deportistas

Burbullas de aire na pista de atletismo do CGTD
Burbullas de aire na pista de atletismo do CGTD / PontevedraViva

Daqueles pos, estes lodos. A controvertida renovación da pista de atletismo do Centro Galego de Tecnificación Deportiva segue dando moito que falar.

Primeiro unhas elevacións en parte da pista puxeron en perigo a recepción da obra e a homologación das instalacións, e agora, na mesma zona, comezaron a xurdir burbullas de aire que deterioran considerablemente a pista e poñen en risco a integridade dos deportistas.

A chegada da calor acelerou un proceso que se viña observando polos usuarios do Centro só cinco meses despois da inauguración da renovada pista.

Estas burbullas aparecen nos primeiros 60 metros da recta principal, a mesma zona onde se apreciaron elevacións durante a súa construción e que xeraron un importante malestar no atletismo autonómico, pese que finalmente os xuíces da Real Federación Española de Atletismo validaron os desniveis ao entender que están dentro do permitido pola normativa internacional da IAAF.

Agora a situación é crítica e compromete non só a celebración de probas nas instalacións do CGTD senón tamén o adestramento dos mellores deportistas galegos, bolseiros no Centro, desde onde buscan chegar a grandes competicións como os Xogos Olímpicos.

As burbullas que van aparecendo son reparadas en pouco tempo, cortando o tartán e volvéndoo a pegar ao chan, pero isto non evita que cada día póidanse observar novas elevacións.

A Xunta de Galicia investiu nas obras preto de medio millón de euros, entre os 435.000 euros destinados á renovación do anel de carreiras e substitución do firme e os 70.000 euros investidos na zona de saltos e lanzamentos.

A empresa Mondo foi a encargada da colocación do tartán, similar ao usado no campionato do Mundo en Beijing, segundo sinalou no seu momento a Secretaría Xeral para o Deporte.