Melania Rodríguez e Álex Bernárdez aspiran a medalla no Mundial de Ximnasia Trampolín

Pontevedra
08 de novembro 2018

Os dous deportistas do Ximnasia Pontevedra clasificáronse en San Petersburgo para as finais mundialistas na modalidade de Dobre Minitramp, Melania coa mellor nota das participantes e Álex co terceiro rexistro. O ourensán Daniel Pérez non puido pasar da rolda clasificatoria

Álex Bernárdez, no Campionato do Mundo de Ximnasia Trampolín en Rusia
Álex Bernárdez, no Campionato do Mundo de Ximnasia Trampolín en Rusia

Os deportistas pontevedreses van a por todas no Campionato do Mundo de Ximnasia Trampolín que se está a celebrar en San Petersburgo, Rusia.

Dous dos tres representantes do Club Ximnania Pontevedra - As Burgas Ourense, os pontevedreses Melania Rodríguez e Álex Bernárdez, lograron o pase ás respectivas finais feminina e masculina na modalidade de Doble Minitramp ( DMT).

Fixérono ademais coa primeira e a terceira mellor marca das clasificatorias, o que lles coloca entre os favoritos para loitar polas medallas.

Melania foi a mellor este xoves na rolda preliminar feminina cunha puntuación de 70.300, superando á estadounidense Tristan Natta (69.800) e a canadense Laurence Roux (69.200), e pelexará por subir ao podio mundialista na final prevista para o sábado (16:00 horas).

Pola súa banda Álex Bernárdez clasificouse este mércores co terceiro mellor rexistro (74.100) só superado polos rusos Vasilii Makarski (75.100) e Mikhail Zalomin (76.300). O pupilo do tamén pontevedrés Pablo Hinojar, seleccionador nacional de ximnasia trampolín, competirá na final na tarde do venres (16:00 horas).

O que non conseguiu avanzar ata a final do Doble Minitramp foi o seu compañeiro de equipo, o ourensán Daniel Pérez, que acabou no posto 34 cun só un salto válido.