Clara Rodríguez empeza a conta atrás na súa recuperación tras ser intervida cirurxicamente este martes no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra.
A futbolista do Poio Pescamar foi operada con éxito, confirma o club, da grave lesión de xeonllo que se produciu no recente choque ante o Futsi Atlético Navalcarnero, unha rotura do ligamento cruzado anterior con afectación do menisco.
Esta doenza manteraa fóra das canchas de xogo entre 6 e 8 meses, polo que desde o mesmo momento da súa lesión e tendo en conta que o plantel quedaba xusto de efectivos ao contar tamén coa baixa de longa duración de Antía Pérez, a directiva vermella púxose ao choio para buscar un reforzo.
O obxectivo era incorporar unha nova xogadora para afrontar coas maiores garantías posibles o tramo final da tempada, no que entre outras metas aparece ilusionante a final a 4 da Copa da Raíña.
Con todo o Poio Pescamar está a atoparse máis trabas das previstas, ao limitarse o mercado ao que pode acudir. Inicialmente pretendíase explorar as opcións que ofrecía tanto o mercado nacional como internacional, pero desde a federación só deron permiso ao club para incorporar a unha futbolista se procede dunha categoría inferior española, é dicir, excluíndo tanto ás ligas estranxeiras como á Primeira División nacional.