As opcións que manexaba o Poio Pescamar para reforzarse tras a grave lesión de Clara eran reducidas, pero finalmente o equipo vermello atopou á xogadora que buscaba.
Trátase de Lucía González Reboredo 'Lutxi', futbolista viguesa de 30 anos que militaba esta campaña no A Estrada FS da categoría de Preferente e que se caracteriza por ser "habilidosa e de moita intensidade", sinala a entidade da Seca.
A pesar de tratarse dunha lesión de longa duración, entre 6 e 8 meses de recuperación, a Federación non outorgou permiso ao Poio para fichar na Primeira División Nacional nin tampouco no mercado internacional, quedando só ao seu alcance a Segunda División e a Preferente.
Lutxi, que levaba uns días adestrando co equipo conserveiro, convenceu ao corpo técnico encabezado por Raúl Jiménez, que deu o visto e prace á súa incorporación definitiva.
A intención agora é que poida debutar esta mesma fin de semana para axudar ás súas novas compañeiras, no partido que lles enfrontará ao Bilbo o sábado na Seca (18:30 horas).