Silvia Aguete, baixa por precaución para o partido de liga do Poio Pescamar ante o Bilbo

Poio
28 de febreiro 2020

A gardameta internacional, que tivo que ser evacuada en ambulancia no recente choque de Copa Galicia tras sufrir un golpe na cabeza, descansará esta fin de semana por precaución

Silvia Aguete e Andrea Feijóo nun adestramento do Poio Pescamar
Silvia Aguete e Andrea Feijóo nun adestramento do Poio Pescamar / Mónica Patxot

Afortunadamente quedou só nun gran susto, pero o forte golpe que levou Silvia Aguete no duelo de Copa Galicia e que lle fixo ser evacuada en ambulancia impediralle tamén estar co seu equipo no duelo deste sábado (18:30 horas, A Seca) fronte ao Bilbo.

A gardameta internacional do Poio Pescamar atópase recuperada da incidencia, pero é recomendable o seu descanso polo menos esta xornada por precaución para evitar que poida sufrir outro golpe na mesma zona.

Desta forma Silvia únese á lista de baixas na que figuran as lesionadas de longa duración Antía Pérez e Clara. 

Con quen si poderá contar xa Raúl Jiménez dentro da rotación vermella é coa recentemente incorporada Lutxi.

Despois da derrota da última semana en Murcia, que lles fixo perder a quinta praza da clasificación, o Poio Pescamar pretende este sábado recobrar a inercia gañadora á conta dun Bilbo que chega penúltimo e con só 6 puntos no seu haber.