O derbi pontevedrés da División de Honra Prata entre Club Cisne Balonmán e Sociedade Deportiva Teucro xa ten data para a súa celebración, tras ser aprazado en decembro ao detectarse un caso de coronavirus nas filas teucristas.
Segundo reflexa xa a Real Federación Española de Balonmán, o encontro celebrarase finalmente o mércores 2 de febreiro ás 20.30 horas no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra.
Dáse a casualidade de que a nivel clasificatorio será un derbi con pouco en xogo, xa que co actual sistema de competición só os puntos obtidos ante os rivais directos cos que compartirán segunda fase terán validez ao termo da primeira, e todo apunta a que Cisne e Teucro competirán por obxectivos diferentes, os primeiros polo ascenso como líderes destacados e os segundos pola permanencia ao ser pechacancelas sen aínda conseguir sumar.
En todo caso un duelo de rivalidade é sempre imprevisible e pode supoñer todo un reforzo en especial para o vicedecano, necesitado de alegrías nunha campaña especialmente complicada.
Para o Teucro o do Cisne será o terceiro dos encontros aprazados que deberá recuperar tras os gromos de covid que sufriu o seu plantel, xa que se suman aos choques pendentes fronte ao Amenabar Zarautz a domicilio (fixado para o xoves 20 de xaneiro), e contra o Guadalajara en casa (domingo 20 de febreiro).