O Teucro quere aproveitar a recuperación dos seus partidos pendentes para seguir escalando

Pontevedra
19 de xaneiro 2022

Despois de conseguir a primeira vitoria da tempada, os de Irene Vilaboa visitan este xoves ás 20 horas ao Amenábar de Zarautz nun partido correspondente á oitava xornada de liga

Partido de División Honra Prata entre Teucro e Balonmano Soria no Pavillón Municipal
Partido de División Honra Prata entre Teucro e Balonmano Soria no Pavillón Municipal

A pola segunda vitoria da tempada e a confirmación do cambio de tendencia e boas sensacións mostrado polo equipo azul no primeiro partido do ano no Municipal contra o Soria. que serviu para inaugurar a marcadora de triunfos. Con ese obxectivo viaxa o Teucro a Zarautz, unha cidade non só coñecida pola súa gastronomía e as súas boas ondas para a práctica do surf, tamén pola súa tradición balonmanística e polo bo xogo que está a despregar este ano o Amenábar, competidor directo do Cisne polo ascenso a Asobal.

"É un equipo potente na súa casa. Aínda que no verán perdeu xogadores, o rendemento que están a dar é extraordinario", advirte a adestradora teucrista, Irene Vilaboa, sobre o rival ao que se medirán este xoves a partir das 20 horas nun encontro correspondente á xornada 8 da División de Honra Prata que tivo que ser aprazado ao detectarse un positivo por covid-19 entre o persoal pontevedrés. 

Coa disputa do primeiro dos tres partidos pendentes que teñen os azuis, inicia o Teucro un cargado calendario de partidos que obrigou ao club para adoptar medidas excepcionais para previr cansazo, fatiga e lesións. "Decidimos viaxar o día anteiror para estar máis descansados e porque dous días despois volveremos viaxar para o partido do Burgos", explica a preparadora.

A pesar do canso da viaxe por estrada, no vestiario teucrista respírase un ambiente distinto ao do pasado ano. "Animicamente estamos ben, a vitoria do sábado foi importante tanto por esperada como por necesaria. necesitabamos referendar os bos adestramentos que viñamos facendo e, dunha vez por todas, ensinar a que xoga o Teucro. Debemos seguir nesa linea", esixe Vilaboa, que despexa calquera ápice de relaxación ao sinalar que "a situación segue sendo complicada e aquí ninguén cre que por gañar un partido xa está algo feito".