Mikel Arruabarrena é o dianteiro elixido polo Pontevedra para pechar o seu plantel

Pontevedra
13 de agosto 2018

O club granate fixo oficial este luns a incorporación do futbolista vasco, con pasado en Primeira División co Eibar e coa que dá por pechado o plantel. Arruabarrena procede do Fuanlabrada, equipo no que xogou a segunda metade da pasada tempada

Mikel Arruabarrena e Adrián León, no partido entre Pontevedra e Fuenlabrada e Pasarón
Mikel Arruabarrena e Adrián León, no partido entre Pontevedra e Fuenlabrada e Pasarón / Diego Torrado

O Pontevedra Club de Fútbol xa ten ao dianteiro que buscaba como última fichaxe.

Trátase de Mikel Arruabarrena, futbolista vasco con pasado en Primeira División co Eibar, e que foi confirmado este luns polo club granate como última incorporación estival.

Arruabarrena conta aos seus 35 anos cunha dilatada traxectoria profesional, e aterra en Pasarón procedente do Fuenlabrada madrileño, ao que chegou o  último inverno e co que non chegou a estrearse en materia goleadora en 11 encontros disputados (5 como titular).

O atacante conta cunha mellor marca de 21 goles co Leganés na Segunda División B na tempada 2010/2011. Desde aquel ano os 13 tantos co Eibar 2012/2013 son o seu rexistro máis elevado, nunha tempada que finalizou co ascenso dos armeiros a Segunda.

Co primeiro equipo gozando este luns de xornada de descanso, Mikel Arruabarrena incorporarase aos adestramentos ás ordes de Luismi nunha semana na que Betanzos (xoves 16) e Ferrol (sábado 18) aparecen como compromisos amigables e como primeiras opcións para velo en acción.

O club non ten previsto realizar presentación oficial da fichaxe.