Milo Abelleira volve aos bancos para adestrar o Rápido de Bouzas

Pontevedra
12 de novembro 2019

O técnico pontevedrés farase cargo do club vigués ata o final de tempada na Terceira División. Será a súa volta aos bancos trala súa turbulenta saída do Pontevedra, onde primeiro foi adestrador e despois director deportivo e coordinador da base

Presentación de Milo Abelleira como adestrador do Rápido de Bouzas Rápido de Bouzas

Seis tempadas despois Milo Abelleira volve aos bancos galegos para afrontar un reto complicado, tentar salvar o Rápido de Bouzas do descenso na Terceira División.

O técnico pontevedrés regresa aos bancos sénior despois do seu turbulenta saída do Pontevedra Club de Fútbol, onde primeiro foi adestrador, despois director deportivo e coordinador da base e cuxo despedimento terminou nos tribunais.

Milo asume o papel de primeiro adestrador do club vigués, pechacancelas actual no grupo galego de Terceira División con 9 puntos en 12 xornadas, na tempada da súa volta a esta categoría tras o seu paso pola Segunda B.

A mala situación do Rápido, que acumula catro derrotas consecutivas, levou á súa directiva para apostar por un cambio de rumbo. "Vén con moitísima ilusión ao Rápido, e ten como obxectivo primordial sacar os aurinegros da zona de descenso", sinalou o club presidido por Manolo Seoane.

O técnico, que debutará a próxima fin de semana ante o Estradense, estreouse no cargo no adestramento deste luns, e contará coa axuda de Víctor Rodríguez como o seu segundo. 

Esta tempada, ata a data, Milo Abelleira seguía ligado ao fútbol como adestrador do equipo xuvenil da ACD A Seca.