Importante salto de calidade para o Club Baloncesto Arxil, ao facerse cos servizos dunha das xogadoras máis determinantes da Liga Feminina 2, ademais dunha vella coñecida da entidade.
Minata Keita regresa ao club pontevedrés, no que militou na campaña 2013/2014, para apontoar o xogo interior dun plantel que apunta alto.
A pívot de Mali tras o seu paso polo Arxil, co que quedou no segundo posto na clasificación de xogadora máis valiosa da tempada, militou no Celta Selmark e o Ciudad de los Adelantados canario, club este último no que alcanzou a pasada liga 13,3 puntos, 8,7 rebotes e 16,7 de valoración por partido.
Trátase para o responsable da planificación deportiva do Arxil, Lino Vázquez, de "unha xogadora moi determinante na liga polo seu poderío físico, capaz de correr o campo con moita facilidade e axudarnos moito en defensa e no rebote", sinalou, ademais de recoñecer que a súa positiva experiencia en Pontevedra resultou decisiva para concretar a fichaxe.
Coa incorporación de Minata Keita o Arxil espera confirmar as renovacións de Ana Martín, Aldara Vázquez e Fany López para dar por pechado un plantel no que xa figuran, ademais da pívot africana: Carla Fernández, Maria Lago, Maria Centeno, Waleska Pérez, Ana Román e Cristina Diaz-Pache. O primeiro equipo completarase con dúas prazas libres para xogadoras do filial.