Un derbi provincial sempre é un partido especial, pero o choque do próximo sábado converteuse ademais en transcendental para o futuro de Club Cisne Balonmano e Academia Octavio na División de Honra Prata.
Os dous equipos chegan á cita loitando por eludir os postos de descenso a Primeira Nacional, aínda que os pontevedreses respiran un pouco máis aliviados tras o seu triunfo da pasada fin de semana ante o Nava, que lle colocou con seis puntos, dous máis que un Octavio que é o actual pechacancelas da competición.
Será pois unha auténtica final en pleno mes de decembro a que se disputará no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra o sábado (17:30 horas) coas cámaras da segunda canle da Televisión de Galicia en directo.
Ademais de polos resultados, o Octavio atópase en pleno terremoto institucional pola sanción de dous meses ao seu técnico, Jabato, e o mes ao seu segundo adestrador Peque, ademais da clasura por un partido da súa cancha habitual, As Travesas.
Pola súa banda, os de Edín Covelo recuperaron as boas sensacións e salvo a baixa coñecida de Toño Lafuente afrontan o choque con todos os seus efectivos esperando que o público os axude a conseguir os dous puntos en xogo.
Como precedentes, ambos os equipos enfrontáronse en dúas ocasións en pretemporada cun triunfo para cada bando, ambos a domicilio, ao vencer primeiro o Cisne en Vigo (20-21) e devolver a moeda o cadro olívico en Pontevedra (21-26).