Guille Rial conduce ao Cisne a unha importantísima vitoria sobre Academia Octavio (28-26)

Pontevedra
19 de decembro 2015

Non era unha final, pero case. Cisne e Academia Octavio chegaban ao Municipal pontevedrés coa urxente necesidade de levar os dous puntos para escapar dos postos de descenso. Conseguiunos o equipo pontevedrés, e fíxoo con xustiza, grazas ao seu mellor xogo, a saber suxeitar os lóxicos nervios, pero sobre todo á sensacional actuación de Guille Rial, autor de 10 dos goles do equipo local

Guille Rial no partido entre Cisne e Academia Octavio no Municipal
Guille Rial no partido entre Cisne e Academia Octavio no Municipal / Diego Torrado

Non era unha final, pero case. Cisne e Academia Octavio chegaban ao Municipal pontevedrés coa urxente necesidade de levar os dous puntos para escapar dos postos de descenso. Conseguiunos o equipo pontevedrés, e fíxoo con xustiza, grazas ao seu mellor xogo, a saber suxeitar os lóxicos nervios, pero sobre todo á sensacional actuación de Guille Rial, autor de 10 dos goles do equipo local.

O central pontevedrés soubo dirixir o xogo, acelerando o ritmo ou pausando as accións de ataque segundo máis conviña en cada momento, pero ademais estivo case infalible nos lanzamentos a portería, tanto en penetracións como desde os sete metros.

Xunto a el hai que destacar tamén a excelente achega de Pablo Galán baixo paus. O porteiro apareceu nos momentos nos que máis o necesitaban os seus compañeiros para soster ao equipo, primeiro para permitir o lixeiro despegamento do primeiro tempo, e logo para manter as curtas vantaxes nas que por momentos moveuse o marcador no segundo tempo.

Ademais, Ramón Gil estivo moi inspirado nos roubos e contras nos primeiros 30 minutos, tomando a substitución Iago Cuadrado e Pablo Domínguez, cunha excelente achega no xogo de ataque nos instantes finais.

O certo é que o equipo vigués viuse obrigado a ir a remolque desde o principio. O Cisne tivo o mando en todo momento (6-2, aos sete minutos), conseguindo unha máxima vantaxe de cinco goles (9-4) mediado o período inicial. Os pontevedreses mostraban máis recursos ofensivos que un Octavio sostido polos seus homes de segunda liña, ao non atopar posicións claras de lanzamento.

Aínda así, un lixeiro bajón local, permitiu aos vigueses chegar ao descanso un só gol abaixo (14-13).

A xogada inicial da segunda parte permitiría ao Octavio alcanzar a igualdade no marcador (14-14). Sería a primeira e única vez en todo o partido. Guille Rial respondeu de inmediato e o Cisne retomou a dianteira que xa non deixaría ata o final do partido.

De novo mediado o acto final os de Edín Covelo iríanse ata os 4 tantos de vantaxe (24-20), pero un parcial de 0-3 poñería de novo ao Octavio con opcións a falta de once minutos. Pablo Domínguez e Guille Rial acabarían coas esperanzas viguesas (26-23) dous minutos máis tarde, sen que a dobre mixta decidida polo técnico visitante servise para cambiar o rumbo dun partido que Fabián deixaba definitivamente resolto ao facer subir o 28-24 ao luminoso, a falta de dous minutos, momento en que o Cisne se relaxou gozando unha vitoria que lles permite irse de vacacións no parón do Nadal fóra dos postos de descenso.

BM CISNE (28): Pablo Galán; Pablo Picallo, Ramón Gil (4), Fabián (2), Carlos Pombo (4), Iago Cuadrado (3), Guille Rial (10, 4 de penalti) -sete inicial-, Juanjo Novás (p.s.); Bruno Montesinos, Álex Chan (1), Miguel Simón, Javi Vázquez, Pablo Vidal (1), Pablo Rey, Pepe Camiña e Pablo Domínguez (3, 1 de penalti).

ACADEMIA OCTAVIO (26): Lloria; Borja (4), Conde (3), Quintas (3), Rubén (1), Óscar (5, 2 de penalti) e Ángel (5, 2 de penalti) -sete inicial-, Jesús (p.s.); Germán (2), Toni, Cerillo, Tate, León, Gayoso, Dani (2) e Andrés (1).

Árbitros: Sergio Rodríguez Estévez e Andrés Rosendo López (Galicia). Excluíron dous minutos a Miguel Simón, Pablo Domínguez e Álex Chan, polo Cisne, e a Tate, Óscar e Andrés, polo Octavio.

Marcador (cada cinco minutos): 3-2, 6-3, 9-4, 10-6, 13-9, 14-13 (descanso), 17-15, 19-18, 23-20, 25-23, 26-24 e 28-26 (final).

Incidencias: Pavillón Municpal dos Deportes (Pontevedra). Uns 400 espectadores.