Momento decisivo para o Teucro na súa loita pola permanencia

Pontevedra
10 de febreiro 2016

No próximo mes e medio de competición os azuis afrontarán cinco partidos consecutivos ante rivais directos pola permanencia, tres deles no Pavillón Municipal dos Deportes, empezando este venres (20:45 horas) ante o Go Fit Sinfín

Adestramento do Teucro no Municipal
Adestramento do Teucro no Municipal / Mónica Patxot

Coa segunda volta da competición na Liga Asobal recentemente iniciada, e aínda con moito por xogar, a Sociedad Deportiva Teucro afronta no próximo mes e medio un dos momentos máis decisivos do curso na súa loita por asegurar a permanencia na máxima categoría.

Nos próximos cinco partidos os azuis enfrontaranse a rivais directos, tres deles no Pavillón Municipal dos Deportes, onde deben manter o bo nivel da primeira volta para manter intactas as súas aspiracións.

Ante a falta de puntos a domicilio, a permanencia pasa por manter a fortaleza como locais, empezando o vindeiro venres (20:45 horas) na visita do Go Fit Sinfín, oitavo clasificado con 14 puntos, catro máis que os pontevedreses.

Tras ese encontro os de Quique Domínguez viaxarán a Cuenca para enfrontarse ao Ciudad Encantada, que só lles avantaxa nun punto; recibirán despois no Muncipal ao Ángel Ximénez de Puente Genil, equipo que marca a fronteira co descenso con 9 puntos; visitarán a cancha do Puerto Sagunto, que ten os mesmo puntos que o Teucro; e finalizarán esta serie de partidos ante rivais directos en casa ante o Benidorm, décimo clasificado a dous puntos dos azuis.

Importante será tamén neste mes e medio poder contar con todo o plantel en boas condicións, despois de que durante as últimas semanas homes como Edu Moledo, García Pichel e sobre todo David Chapela arrastrasen diversos problemas físicos. Preocupa especialmente o caso do central ao persistir as molestias no ombreiro que lastraron o seu rendemento durante os últimos meses.