A Gladiator Race regresa esta fin de semana a Pontevedra consolidada como unha das grandes citas do calendario deportivo desde o ano 2015.
A presentación contou coa participación da concelleira de Deportes, Anabel Gulías, e do director da proba da empresa organizadora NOKAO, Serafín Martínez.

Na súa intervención, a edil destacou o "luxazo" que supón acoller unha competición destas características nunha contorna como a Illa das Esculturas.
Explicou que os participantes deberán afrontar un percorrido de oito quilómetros cun total de 40 obstáculos, destacando ademais o carácter familiar desta competición que, un ano máis, contará cunha Gladiator Kids, pensada para que os máis pequenos da casa gocen dun día en familia facendo deporte.
No caso de Serafín Martínez, confirmou o éxito de participación desta edición, que logrou unha auténtica marca ao pechar inscricións a mediados de marzo, dous meses antes do habitual.
En total, máis de 2.000 persoas competirán na categoría de adultos, mentres que preto de 500 nenos e nenas farano na modalidade infantil. Ademais, ao redor de 500 persoas quedaron en lista de agarda ante a imposibilidade de ampliar o horario da xornada.
Entre as principais novidades deste ano destaca a reestrea do 'Mont Blanc', queimado no incendio de 2024 e que, até o momento, foi imposible reconstruír. Trátase dun dos obstáculos máis exixentes do circuíto que, sumado ás probas de auga e barro porán a proba a capacidade de superación e resistencia de cada participante.
A competición de adultos celebrarase o sábado 6 de xuño con saídas graduadas a partir das 16:00 horas. Cada 15 minutos tomará a saída un grupo duns 100 corredores, que poderá variar dependendo do número de compoñentes que teñan os equipos que participan nela.
O evento pecharase coa proba infantil, considerada pola organización como "unha das mellores do calendario". Esta realizarase o domingo 7 de xuño desde as 11:00 horas, ofrecendo aos máis de 400 nenos e nenas un percorrido de obstáculos adaptado á súa idade en distancias de 500 e 800 metros.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.