Montero Ríos, un "espazo de convivencia" para todos os deportistas do Multisport

Pontevedra
19 de xuño 2025
Actualizado: 15:40

Pola carpa que este xoves abre ao público en Monte Ríos deberán pasar para acreditarse os máis de 3.500 deportistas participantes nos Mundiais Multideporte

Expo do Multisport en Montero Ríos
Expo do Multisport en Montero Ríos / Mónica Patxot

Os deportistas dos 44 países presentes nos Campionatos do Mundo Multideporte de Tríatlon de Pontevedra empezan a deixarse ver pola Boa Vila mentres contan as horas para que dean comezo as competicións.

Debido a iso e un día antes da inaugración oficial do Mutisport 2025, este xoves estreouse unha das zonas principais de atención para deportistas e afeccionados.

Trátase da Exposición do Multisport instalada nunha carpa en Montero Ríos.

"É un espazo de convivencia para todos os triatletas nun lugar céntrico da cidade", asegurou nunha visita ao recinto o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

Por ela deben pasar de feito os máis de 3.500 deportistas inscritos nos Mundiais para rexistrarse e recibir o seu equipamento oficial e mochila dos campionatos.

"Agardo que o pasen moi ben na cidade, disfruten da proba deportiva e que volvan a Pontevedra", afirmou o alcalde.

Na exposición poden atoparse produtos relacionados co evento ou co tríatlon en xeral, pero ademais a carpa funciona como punto informativo e conta con casetas turísticas do Concello, Deputación, Xunta e a Mancomunidade do Salnés.

Ademais están presentes tendas deportivas locais e até unha delegación de Abu Dhabi e Edmonton, sedes respectivamente do Multisport 2026 e da Gran Final das Series Mundiais de 2027.