O Mosteiro acolle a décima edición do Torneo Internacional de Xadrez Concello de Meis

O Salnés
30 de xuño 2026

O Campo da Feira será o escenario desta competición gratuíta o mércores 8 de xullo, cun límite máximo de 80 participantes

Xogadores no Torneo de Xadrez de Meis
Xogadores no Torneo de Xadrez de Meis / Concello de Meis - Arquivo

O Concello de Meis, en colaboración coa Escola Xadrez Pontevedra, organiza o X Torneo Internacional de Xadrez Concello de Meis, que se desenvolverá o mércores 8 de xullo no Campo da Feira, situado no Mosteiro.

A cita deportiva enmárcase dentro da programación das Festas de San Bieito e desenvolverase integramente en horario de tarde, cun espazo limitado a un máximo de 80 prazas.

A inscrición para participar nesta décima edición é gratuíta e debe realizarse por vía telemática a través do correo electrónico: [email protected] ou do teléfono habilitado pola organización: 650 645 318

O evento estrutúrase como un único torneo aberto para todos os xogadores que teñan a súa licenza federativa en vigor, sendo unha competición oficial da Federación Internacional de Xadrez (FIDE) e computable para o ELO FIDE Rápido.

Para aquelas persoas que non estean federadas e queiran competir, a organización ofrece a xestión tramitada da licenza para este ano co equipo da Escola Xadrez Pontevedra, cuxo importe deberá pagarse de xeito presencial o día do torneo.

No caso de rexistrarse unha elevada cifra de inscritos sen federar, prevese a posibilidade de dividir a xornada en dous torneos independentes: un máster oficial e outro amateur de categoría única.

A competición rexerase polas leis do xadrez da FIDE e aplicarase o Sistema Suízo a 7 partidas.

O ritmo de xogo establecido consta de 10 minutos por xogador, cun incremento de 5 segundos por cada xogada realizada.

As sete roldas programadas comezarán de forma sucesiva a partir das 16:00 horas, mentres que o acto de clausura e a correspondente entrega de premios están fixados para as 20:30 horas.