A parroquia de San Pedro de Gaxate, na Lama, contará cun novo torneo itinerante de xadrez o vindeiro sábado 27 de xuño.
Será coa celebración do I Torneo Itinerante de Xadrez, unha iniciativa da Asociación de Veciños da parroquia xunto o Concello da Lama e a Deputación de Pontevedra.
Este torneo nace coa intención de incentivar a convivencia veciñal a través dun modelo de competición que percorrerá os diversos barrios de Gaxate ao longo dunha xornada que dará comezo ás 10:00.
O evento foi presentado este venres polo alcalde da Lama, David Carrera; o concelleiro de Cultura e Deportes, Plácido Pillado Alfaya; e por Nieves Loperena, membro da directiva da Asociación de Veciños de San Pedro de Agaxate.
O alcalde destacou que "este torneo representa unha oportunidade para seguir promovendo actividades que unen á veciñanza", pois ademais de promover a práctica do xadrez, a finalidade do evento é favorecer a convivencia interxeracional e dinamizar a vida social e cultural da parroquia.
Doutra banda, o concelleiro de Cultura e Deportes subliñou o carácter singular dunha proba que permitirá aos participantes percorrer diversos puntos da parroquia á vez que gozan do xadrez.
En concreto, o percorrido pasará polas localidadedes de A Ponte, Igrexa, Acividos, Portodanta, Mirteira e O Castro, sendo este último o lugar no que se celebrará unha partida final de exhibición nun taboleiro xigante.
As incripciones están abertas até o día 20 de xuño, contan cunha cota de 50 participantes como máximo e poderán formalizarse na Biblioteca Municipal da Lama.
Ademais, a organización entregará trofeos ás cinco mellores puntuacións da competición e confía en reunir afeccionados deste deporte procedentes tanto do municipio como doutras localidades da comarca.