A Lama prevé iniciar os trámites para solicitar á Xunta de Galicia a declaración da Festa Gastronómica do Codillo como festa de interese turístico de Galicia.
É un recoñecemento que o Concello agarda conseguir o próximo ano, coincidindo coa celebración do 25 aniversario deste evento gastronómico.
"A Festa do Codillo é xa unha referencia para milleiros de persoas e cremos que reúne méritos suficientes para obter este recoñecemento", destacou o alcalde, David Carrera.
O anuncio realizouse durante a cata organizada para escoller a preparación que protagonizará a XXIV Festa Gastronómica do Codillo, prevista para o domingo 14 de xuño.
Tras a degustación das diferentes elaboracións presentadas por Cátering Arelas, o xurado volveu apostar pola receita tradicional de codillo estufado con guarnición, que se impuxo ás restantes propostas elaboradas para a ocasión.
Estivo seguida moi de preto polo codillo á sidra, con mazá caramelizada.
A modalidade elixida será a que se servirá aos asistentes durante a xornada gastronómica do domingo 14 de xuño, mantendo así unha receita que tradicionalmente obtén unha excelente acollida entre o público.

A XXIV Festa Gastronómica do Codillo celebrarase baixo unha gran carpa instalada na Alameda da Lama, con capacidade para máis de 1.000 persoas.
O menú manterá o prezo popular de 15 euros por persoa e incluirá codillo, pan, bebida, cubertos e o tradicional prato de barro serigrafiado conmemorativo.
A programación completarase coa actuación do grupo Ventos da Terra ás 12.00 horas, a Charanga Noroeste a partir das 15.30 horas e o espectáculo de teatro musical “Noutrora”, protagonizado por Catro Ventos, ás 18.00 horas.
Ademais, durante toda a xornada haberá promoción de produtos galegos con D.O.P. e Indicación Xeográfica Protexida (IXP) grazas á colaboración da Consellería do Medio Rural e da Axencia Galega da Calidade Alimentaria.
A venda anticipada de tickets continúa aberta nas oficinas municipais e na biblioteca da Lama, co obxectivo de facilitar a organización dun evento que volverá converter o municipio nun referente gastronómico de Galicia durante a segunda fin de semana de xuño.
