Día grande na Lama coa XXIII Festa do Codillo

A Lama
22 de xuño 2025

Éxito de público este domingo 22 de xuño nunha nova edición da Festa do Codillo da Lama

XXIII Festa do Codillo da Lama
XXIII Festa do Codillo da Lama / Concello da Lama

A Lama entregouse este domingo a un dos seus pratos estrela coa XXIII Festa do Codillo.

No medio dun gran ambiente, a celebración gastronómica foi todo un éxito de participación, cun milleiro de racións vendidas.

Había moitas ganas entre os presentes de degustar codillo preparado en modo estofado con guarnición de patacas asadas, guisantes e zanahorias.

O Cátering Arelas, de Vincios (Gondomar) foi o encargado da preparación do manxar para un xantar popular cuxo menú se mantivo en 15 euros e que foi o punto central da xornada.

Aínda que estaba previsto que se comezasen a servir as racións de codillo ás 13:30 horas, a organización decidiu adiantar case media hora a apertura da repartición ante o numeroso público presente e que agardaba a pleno sol.

As colas, iso si, minimizáronse pola venda anticipada, que facía que a gran maioría de comensais xa contase coa súa entrada.

A XXIII Festa do Codillo contaba coa amenización musical da Charanga Os Encerellados, de Campo Lameiro.

Ademais pola tarde a Banda Música Municipal da Lama tiña previsto un concerto, a partir das 20 horas, na propia Alameda.