O Concello da Lama convida a celebrar o Día das Letras Galegas dunha forma diferente e solidaria a través dunha andaina que percorrerá parte do patrimonio natural do municipio.
A actividade terá lugar o sábado 17 de maio, con saída ás 10:00 horas dende a Praia Fluvial do Verdugo, punto onde tamén finalizará o percorrido circular.
A ruta, de dificultade media-baixa, estará dirixida polo monitor deportivo Alberto Canosa, quen guiará aos participantes por un trazado que permitirá descubrir algunhas das paisaxes máis fermosas do concello, combinando así cultura e natureza nunha xornada festiva.
Para participar nesta iniciativa solidaria é necesario inscribirse previamente na Biblioteca Municipal da Lama (no teléfono 986 76 82 38, extensión 4) e realizar unha achega de 3 euros por persoa, estando exentos deste pagamento os menores de idade.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o mércores 14 de maio ás 14:30 horas.
Todos os fondos recadados a través desta actividade serán destinados a unha ONG, convertendo así o Día das Letras Galegas nunha oportunidade para contribuír a causas solidarias. Ademais, os participantes terán dereito a unha consumición durante o percorrido.
Desde o Concello animan á veciñanza a participar nesta iniciativa que combina exercicio, natureza, cultura e solidariedade nunha mesma xornada.