'Por que cantan as mulleres?', un obradoiro no Museo para celebrar as Letras Galegas

Pontevedra
11 de maio 2025

Desenvolverase o venres 16 de maio no Edificio Castelao ás 19 horas, dirixido a público de todas as idades e sen necesidade de reserva previa. Estará conducido por Branca Villares

Branca Villares
Branca Villares / Deputación de Pontevedra

O Día das Letras Galegas conmemorarase no Museo de Pontevedra cun obradoiro e concerto didáctico arredor da tradición oral feminina, protagonista da edición deste ano

Baixo o título 'Por que cantan as mulleres', esta actividade estará conducida por Branca Villares (Lugo, 1980). Bióloga de formación, forma parte do colectivo Eudemónicas e imparte aulas de canto tradicional, pandeira, pandeiro e pandeireta en diferentes escolas municipais e colectivos culturais da provincia de Lugo.

A actividade, organizada pola Deputación Provincial de Pontevedra, está prevista para o venres 16 de maio ás 19 horas no Edificio Castelao.

Está dirixida a persoas de todas as idades e non é necesaria reserva previa.

A actividade trata de debullar por que cantamos, que cantamos e como cantamos as persoas, para entender os contextos onde tivo lugar a creación e transmisión oral das mulleres cantareiras.

Reflexionarase sobre a presenza ou ausencia de mulleres naquilo que consideramos universal no canon cultural.

Farase un percorrido polos distintos xéneros e temáticas das cantigas, pola xeografía de Galicia e as particularidades da súa oralidade.

Ademais de gozar do relato de Branca Villares e das cantigas, as persoas participantes cantarán e dialogarán cos sons e ritmos, nunha experiencia inmersiva e significativa para traballar e entender a oralidade.

Tamén se establecerán conexións do folclore galego con outros de África, Europa ou América.