O domingo 22 de xuño volverase degustar na Festa do Codillo este produto preparado en modo estofado con guarnición de patacas asadas, chícharos e cenorias.
O xurado da cata volveu decantarse por esta modalidade fronte a outra a base de redución de mencía, arroz e cabaza e en salsa de champiñóns, cabaciñas e pemento.
O xurado estivo composto polo alcalde, David Carrera, o tenente de alcalde, José Fortes, o concelleiro de Cultura e Deportes, Plácido Pillado Alfaya, a concelleira de Servizos Sociais, Trinidad Fernández Oubiña, a psicóloga do CIM, Galiza Aguete, e a doutora do centro de saúde da Lama, Vanesa Cernadas.
A preparación elixida foi a que tradicionalmente ten mellor acollida entre o público.
As tres modalidades a elixir foron preparadas pola cociñeira de Cátering Arelas, de Vincios (Gondomar), Rosa María Fragueiro, encargada de servir os pratos durante a xornada gastronómica.
Co fin de evitar acumulación de público e longas colas, ampliarase a venda anticipada dos tíckets na biblioteca, ata o 20 de xuño, a un prezo de 15 euros e poderanse tamén retirar o mesmo día da festa na Alameda.
A apertura das casetas de servizo de racións do codillo será polo tanto ás 13:30 horas. Manterase aberto ata esgotar existencias e servirase ata as 15 horas.
O alcalde do Concello da Lama, David Carrera, decidiu manter en 15 euros o prezo definitivo do menú desta festa gastronómica co que, ademais do codillo estofado, o adquiriente ten dereito a un anaco de pan, cubertos, bebida e un prato de barro conmemorativo do evento, que os comensais poderán levar como recordo.
Ademais da actividade meramente gastronómica, a XXIII Festa do Codillo estará amenizada musicalmente pola Charanga Os Encerellados, de Campo Lameiro.
Pola tarde, a Banda Música Municipal da Lama ofrecerá un concerto, a partir das 20 horas, na propia Alameda.