O Multisport de maior éxito despídese de Pontevedra con Javi Gómez Noya á guitarra

Pontevedra
30 de xuño 2025
Actualizado: 01 de xullo

Case 4.000 deportistas chegados de até 44 países tomaron parte nas probas destes campionatos, que volveron a converter unha vez máis a Pontevedra na capital mundial do tríatlon

Javi Gómez Noya e o seu grupo Liorta na clausura do Mundial Multisport
Javi Gómez Noya e o seu grupo Liorta na clausura do Mundial Multisport / Federación Española de Tríatlon

O que, segundo os organizadores, foi o mellor Mundial Multideporte da historia chegou ao seu fin. Tras dez días de competición, Pontevedra despídese do tríatlon. Polo momento.

Despois da entrega de medallas dos campións do mundo elite e de grupos de idade do tríatlon de longa distancia, a última das probas disputadas, celebrouse a sesión de clausura duns campionatos que bateron todas as marcas.

Case 4.000 deportistas chegados de até 44 países tomaron parte nas probas de dúatlon sprint e estándar, tríatlon cros, dúatlon cros, acuatlón, longa distancia e aquabike desde o pasado día 20 de xuño até este domingo.

Nesta clausura, ademais, homenaxeouse e recoñeceuse ás vinte "lendas", os deportistas que completaron todos e cada un dos campionatos do mundo celebrados durante este dez días en Pontevedra.

Antes de despedir estes mundiais, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, pasou a bandeira dos campionatos aos representantes de Abu Dhabi (Emiratos Árabes Unidos), país no que se organizará o Multisport 2026, na illa Hudayriyat.

Sesión de clausura do Mundial Multisport de Pontevedra
Sesión de clausura do Mundial Multisport de PontevedraFederación Española de Tríatlon

E, do mesmo xeito que pasou durante toda a semana, o tríatlon non podía dicir adeus a Pontevedra sen unha boa sesión de música e, nesta ocasión, con maior motivo.

Foi co concerto que protagonizou no escenario da Praza de España o grupo Liorta, a banda do pentacampión do mundo de tríatlon, Javi Gómez Noya, que demostrou a súa mestría á guitarra.

O colofón a esta noite púxoo a banda viguesa Broken Peach.

Pontevedra, tras albergar o Mundial Multideporte de 2019 e a gran final das Series Mundiais en 2023, coroouse este verán como un destino de referencia internacional para a práctica do tríatlon.

Foi como paso previo a volver ser a sede da final das Series Mundiais en 2026.