O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, non ocultou a súa satisfacción ao peche do Campionato do Mundo Multideporte, especialmente tras a proba de tríatlon de longa distancia que coroou a Antonio Benito.
"Se había 100 obxectivos, están conseguidos os 100", afirmou o rexedor, quen asegurou que o evento foi "un éxito de organización, de xente, de participantes e de resultados".
"Síntome orgulloso de ter un equipazo de xente", destacou, referíndose ao equipo de goberno e ás 1.300 persoas que traballaron incansablemente, cunha porcentaxe altísima de voluntarios cuxa dedicación foi fundamental. "Hai empresas que traballan que garanten un funcionamento ao minuto, aquí non falta nada, está todo controlado e repensado", engadiu.
Lores tamén recoñeceu a complexidade do campionato actual, que abarcou "moitos días e moitas especialidades".
Con todo, mostrouse optimista de cara á organización da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon en 2026. "Serán tres ou catro días, vai ser máis fácil, e haberá máis experiencia para facelo", asegurou.
Para o alcalde o momento máis especial da competición foi a vitoria de Antonio Benito, que puxo o broche de ouro a esta intensa semana de competición.
"É incrible que o seguinte campión do mundo en Pontevedra despois do 2019, cando foi Javi Gómez Noya e subcampión Pablo Dapena, sexa Antonio Benito, que está adestrado por Pablo Dapena", subliñou, vendo neste triunfo a continuidade do legado do tríatlon local.

Lores tamén resaltou a importante presenza dos deportistas galegos, destacando os resultados de Antonio Serrat ou Susana Rodríguez.
Por último, asegurou que o éxito da cidade do Lérez non é froito da casualidade. "Empezamos en 2008" e aos poucos foise convertendo nunha sede fixa para a celebración de grandes campionatos de tríatlon. "É un namoramento a longa distancia", concluíu.