O Multisport de Pontevedra, primeiro evento de tríatlon coa certificación 'Gold' de sustentabilidade

Pontevedra
25 de novembro 2025

O Parque Forestal da Tomba foi escenario este martes da plantación de 100 castiñeiros para compensar a pegada de carbono ocasionada polos mundiais de tríatlon

A organización do Multisport realiza unha plantación de castiñeiros na Tomba
A organización do Multisport realiza unha plantación de castiñeiros na Tomba / Cristina Saiz

A Federación Internacional de Tríatlon (World Triathlon) otorgou aos Mundiais Multideporte ou Multisport celebrados en 2025 en Pontevedra a súa máxima distinción de sustentabilidade.

Pontevedra recibiu a etiqueta 'Gold' do organismo internacional polas súas boas prácticas durante a organización dos campionatos.

Este logro visibilizouse este martes coa plantación de 100 castiñeiros no Parque Forestal da Tomba, unha das accións de compensación pola pegada de carbono xerada polo Multisport e prevista no plan ambiental do evento.

Esta acción foi desenvolvida coa colaboración da Comunidade de Montes de Campañó, a Federación Española de Tríatlon e a Federación Galega.

World Triathlon, nun comunicado oficial, afirma de feito que o Multisport 2025 é o primeiro evento en alcanzar a nova versión de certificación de sustentabilidade.

Este Plan de Sustentabilidade foi deseñado por unha empresa pontevedresa, Equilátero DSC, supoñendo entre outros indicadores o 74 % de separación nos residuos, a eliminación de 65.000 botellas de plástico grazas ao uso de vasos reutilizables e fontes, a reutilización de preto de 4.000 m² de moqueta deportiva ou a recuperación de 1.200 quilos de papel, 1.100 quilos de envases e 380 quilos de materia orgánica.

Para levalo a cabo contouse coa colaboración de entidades sociais como Juan XXIII, Boa Vida, AECC, Comedor de San Francisco, Cruz Vermella e Banco de Alimentos.

Ademais se implataron 57 pictogramas e zonas adaptadas para accesibilidade universal.