O Mundial Multisport comprométese coa sostenibilidade e a saúde

Pontevedra
26 de maio 2025
Actualizado: 29 de maio

Entre o 21 e o 29 de xuño, durante a competición, están previstas actividades con criterios ambientais, económicos e sociais como a instalación de fontes, información sobre o uso de cremas solares o a redución de uso de plásticos

Lola Andújar, Anabel Gulías e Saleta González
Lola Andújar, Anabel Gulías e Saleta González / Pablo Ajuria - Brais Porto

A concelleira de Deportes, Anabel Gulías, xunto a representantes en sostenibilidade e saúde, presentaron este luns 26 actividades que se desenvolverán durante o Campionato do Mundo de Tríatlon Multisport en Pontevedra, entre o 21 e o 29 de xuño, nun evento que se define como de primeira magnitude e que busca ser un exemplo de compromiso coa sostenibilidade.

Gulías destacou a importancia de traballar en proxectos que integren criterios ambientais, económicos e sociais, subliñando que "non queremos unha estratexia curtopracista". A concelleira anunciou que o evento non só atraerá a deportistas e acompañantes, senón que tamén será unha oportunidade para mostrar a Pontevedra como unha cidade modelo en sustentabilidade. Entre as iniciativas destacadas, mencionou a promoción da mobilidade peonil e o uso de bicicletas, así como a instalación de fontes de auga para reducir o uso de plásticos.

Na web do Tríatlon, van figurar as posibilidades de mobilidade peonil para realizar desprazamentos ata o Pontillón do Castro e reducir o uso do vehículo privado.

Entre as medidas innovadoras, a iniciativa "Un vaso por un billete" permitirá aos usuarios do transporte público e que amosen o seu billete coas datas de emisión durante o campionato recibirán un vaso para utilizar nos puntos de avituallamento. Esta acción busca incentivar o uso do transporte público e reducir a xeración de residuos.

Ademais, a organización comprométese a reutilizar máis de 25.000 vasos de auga, unha vez hixienizados, que serán despois empregados en futuras competicións, como as Series Mundiais de 2026, promovendo así a economía circular.

Gulías tamén anunciou que, grazas á colaboración con Viaqua, se instalarán fontes en diferentes puntos do evento para que os asistentes poidan encher os seus recipientes con auga da billa, fomentando a hidratación e a redución de plásticos que teñen un só uso.

Tamén se empregará cinta de valizado con 95% de plástico reciclado. A concelleira lembrou que se empregan máis de 50.000 metros de cinta durante a competición.

A técnica de prevención da AECC, Lola Andújar, resaltou a colaboración entre a asociación e o evento para promover hábitos saudables e a prevención do cancro de pel. "Un estilo de vida activo é incompatible co tabaco", afirmou, e engadiu que se realizarán campañas informativas sobre a saúde e o medio ambiente durante a celebración do Multisport.

Estas campañas incluirán accións dinámicas e mensaxes de prevención sobre o coidado da saúde e a importancia de evitar o tabaquismo.

A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Anabel Gulías, tamén subliñou a importancia de considerar criterios sociais nos eventos deportivos. Entre as accións previstas, destaca a recollida de roupa e calzado, como chancletas e chinelas, que serán doadas a diferentes asociacións.

Os excedentes de alimentos serán repartidos entre entidades sociais como o Comedor de San Francisco, garantindo así que nada se desperdicie.

Os circuítos do evento estarán adaptados para garantir a accesibilidade a todas as persoas, e incorporarán salas de lactancia, tanto no Centro Galego de Tecnificación Deportiva como na Alameda, e puntos de hixiene feminina.

Saleta González, encargada da estratexia de sostenibilidade do evento, destacou a importancia de evitar impactos negativos no medio natural, especialmente en relación co lixo producido e co uso de cremas solares que non fagan dano ao medio natural nin tampouco ás persoas.

"Queremos un uso consciente dos produtos que empregamos", sinalou. Tamén se mencionou a colaboración con asociacións como Juan XXIII para garantir a accesibilidade e o benestar de todas as persoas participantes.

O Concello tamén ten previsto que, unha vez que se calcule a porcentaxe da pegada de carbono durante o Multisport, vai compensarse esa cantidade de CO2 coa plantación de especies autóctonas nun monte pontevedrés.

A semana do Multisport coincidirá coa Bienal e a celebración do Orgullo, un feito que Gulías considera un motivo de orgullo para a cidade. "Pontevedra é unha cidade diversa e multicultural, e este evento reflicte a nosa riqueza social", concluíu. A intención, segundo o Concello, é promover un ambiente de inclusión e ao mesmo tempo quere promover o consumo en establecementos locais promocionándoos.