As concelleira de Deportes, Anabel Gulías, iniciou este luns unha xeira de reunións con distintos colectivos urbanos para falar do impacto que terá na súa mobilidade o Multisport.
Este evento deportivo afectará a varias zonas da cidade de xeito variable ao longo dos 10 últimos días de xuño.
O epicentro do Mundial Multisport deste verán estará no estadio do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), onde se situarán as saídas do dúatlon e aquabike, e nos arredores da ponte dos Tirantes, desde onde se inician no río Lérez as probas de acuatlón e tríatlon de longa distancia.
Todas as competicións finalizarán no arco de meta na pista do CGTD, excepto as de tríatlon e dúatlon cros, que se celebrarán de maneira íntegra no Centro Deportivo David Cal e arredores, en Pontillón do Castro. A modalidade de Aquabike ten o mesmo percorrido que a Longa Distancia, pero sen a carreira a pé.
Este luns, Anabel Gulías conversou cun grupo de profesionais da hostalería, un dos servizos máis demandados durante este evento e a súa programación paralela, así como un colectivo que pode verse afectado polas limitacións na mobilidade.
Anabel Gulías remarcou a idea de que as carreiras inclúen deseños pensados para causar o mínimo impacto posible na vida da veciñanza, pero "un mínimo de molestias é consustancial a este tipo de eventos" que utilizan o espazo público para o seu desenvolvemento.
Os operativos de mobilidade deseñados pola Policía Local inclúen recomendacións globais para cada día do Multisport e outras específicas para 15 zonas determinadas da cidade que son as habituais: os arredores do CGTD, Centro Histórico, Bos Aires, Cruz Vermella, Santa Clara, pontes dos Tirantes e Santiago, aos que nesta ocasión se unen os arredores do Pontillón do Castro e a última fin de semana o eixo viario entre Barro e Estribela.
Nas próximas semanas o Concello publicará as recomendacións concretas a través das distintas plataformas de difusión, de tal xeito que as "instrucións de uso" da cidade eses días cheguen ao maior número posible de persoas, co obxectivo de minimizar as consecuencias negativas que puideran ocasionarse.