'Augas de Lenda', fantasía, acrobacia e danza da man de Pablo Méndez para a inauguración do Multisport

Pontevedra
10 de maio 2025

Trátase dun espectáculo creado específicamente para este evento, un show único, adaptado ao espazo da praza de España, apoiado nun enorme guindastre e con efectos musicais e audiovisuais

Actuación de Pablo Méndez Performance tras a inauguración da Gran Final das Series Mundiais
Actuación de Pablo Méndez Performance tras a inauguración da Gran Final das Series Mundiais / Mónica Patxot

A compañía de Pablo Méndez repetirá na inauguración dunha cita deportiva en Pontevedra. Despois de dar a benvida á Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon, será tamén o encargado de facelo co Multisport en xuño. 

Será cun espectáculo completamente novo arredor do río e o mar, bautizado como 'Augas de Lenda'. "Todo é novo: as e os artistas, o atrezzo, a música, o argumento... creado expresamente para o Multisport", explican desde a compañía.

En palabras do propio director da compañía, Pablo Méndez, "é unha viaxe sensorial e máxica que nace onde o río Lérez bica o Atlántico”.

O acto inaugural do Multisport terá lugar na Praza de España o día 21 de xuño e o espectáculo foi creado específicamente para este evento, un show único, adaptado ao espazo da praza de España.

Estará apoiado nun enorme guindastre e con efectos musicais e audiovisuais.

Sobre o espectáculo, a compañía explica que "no corazón de Pontevedra, a auga convírtese en memoria, en danza e en lenda viva" e este espectáculo 360 graos de Pablo Mèndez Performances "transforma a cidade nun escenario líquido, onde o mar non é só paisaxe, senón tamén alma”.

Inspirado nas tradicións galegas e na forza simbólica da auga, o espectáculo fusiona fantasía, acrobacia e danza nun ritual escénico hipnótico. Artistas do Cirque du Soleil, bailaríns etéreos e criaturas de lenda xorden do océano escénico para contar unha historia que non precisa palabras: a do vínculo ancestral entre Pontevedra e o mar.

A auga flúe como fío condutor, presente no vestiario, no atrezo, nas coreografías e nos elementos escenográficos característicos da compañía. Cada escena é unha onda que rebenta en emocións: dende a calma serena das mareas ata a tempestade do imposible. Un espectáculo envolvente que mergulla ao espectador nun universo onde todo é posible e todo nace da auga.

'Augas de Lenda' é unha homenaxe á cidade, ao mar que a modela e á capacidade da arte para transformar o espazo nun soño compartido. "Unha celebración poética e acrobática da auga como orixe, camiño e destino", conclúe a compañía.