39 ambulancias, 30 médicos ou 7.000 sinais, as outras cifras do Multisport

Pontevedra
20 de maio 2025
Actualizado: 12:09

A Xunta Local de Seguridade celebrada este martes deu luz verde a todo o operativo desta proba deportiva que se desenvolverá entre o 20 e o 29 de xuño

Carrera elite masculina da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon en Pontevedra
Carrera elite masculina da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon en Pontevedra / Mosrey Fotografía

A organización do Campionato do Mundo de Tríatlon Multideporte Pontevedra centrou boa parte da Xunta Local de Seguridade celebrada este martes na que se deu luz verde a todo o operativo.

O alcalde da capital, Miguel Anxo Fernández Lores, e o subdelegado do Goberno, Abel Losada destacaron a "complexidade" da organización deste evento deportivo que se desenvolverá entre o 20 e o 29 de xuño, afectando a vías de comunicación de todas as administracións, estatal, autonómica, provincial e municipal.

E non só Pontevedra senón tamén os concellos de Poio, Marín e Barro terán afectado o tráfico polo operativo ligado a este sete días de probas deportivas.

"Vaise a garantir a mobilidade en toda a zona por vías alternativas", asegurou Lores.

Nos próximos días haberá campañas informativas dirixidas á cidadanía. Unha terá carácter xeral e tamén haberá campañas outras enfocadas individualmente a cada proba. Será con buzoneo, paneis informativos e nos medios de comunicación.

Para facerse unha idea da dimensión deste despregamento e do "traballo inmenso" que se está levando a cabo, na Xunta Local de Seguridade facilitáronse algunhas cifras como que serán 39 as ambulancias que intervirán, participarán 30 médicos ao longo de todas as competicións e instalaranse 7.000 sinais.

Actuarán a Garda Civil, Policía Nacional, Policía Local, Protección Civil, Bombeiros, o Exército (Brilat) e máis de 350 persoas voluntarias.

Inclúense especialistas para actuar no río Lérez como son o grupo subacuático da Garda Civil, persoal do Parque de Bombeiros, Protección Civil e equipos de asistencia con piraguistas e socorristas.

Instalarase un posto de mando sobre o terreo para reforzar todo o despregamento. Alí estarán os responsables das forzas e corpos de seguridade, do operativo sanitario, ademais de membros da organización da proba, entre outros.

O alcalde indicou que a coordinación entre todos estes efectivos require un traballo diario "para que todo vaia perfecto" algo que agradeceu a todos os que están implicados nesta organización.