Multitudinaria xornada deportiva na Illa das Esculturas co Campionato Escolar Zonal de Campo a través

Pontevedra
18 de outubro 2022

Preto de 1.600 escolares de 7 a 15 anos participaron na xornada deportiva organizada este martes na Illa das Esculturas co que daba inicio o novo curso no programa Xogade da Xunta de Galicia

Campionato Escolar Zonal de Campo a Través na Illa das Esculturas / PontevedraViva

A tregua climática coa que amenceu este martes 18 de outubro foi aproveitada ao máximo en Pontevedra para gozar dunha gran xornada deportiva na Illa das Esculturas. 

Alí celebrouse este martes o Campionato Escolar Zonal de Campo a través, unha proba que servía de pistoletazo de saída a unha nova edición do Programa Xogade da Xunta de Galicia de promoción do deporte, e que recupera a súa normalidade tras a pandemia.

Na xornada estaban chamados a participar 1.576 escolares de entre 7 e 15 anos procedentes de 16 centros educativos de Pontevedra, Poio e Marín.

Trátase, asegura desde o lugar o delegado territorial da Xunat, Luís López, de "unha das melloras iniciativas de deporte escolar de España, coa que pretendemos fomentar e estender o deporte, a mellora da condición física e os hábitos saudables dende idades temperás".

No que respecta ao cros escolar, estaba organizado en colaboración pola Agrupación Deportiva Escolar Deporte Basee de Pontevedra e o Servizo Provincial de Deportes da Xunta, e completarase con outras probas zonais na Estrada e Ponte Caldelas.

Posteriormente, estes campionatos celebraranse na Azucreira de Portas (25 de outubro), a praia de Montalvo (26 de outubro), o recinto feiral de Silleda (27 de outubro), o parque de suboficiais de Marín (3 de novembro) e o centro Guláns de Ponteareas (17 de novembro) para dar paso ás finais provinciais de Portas (17 de xaneiro) e Vigo (12 de febreiro) e ao autonómico da Coruña (25 de febreiro).