Un muro holandés e un regreso con ADN azul para armar o novo Teucro

Pontevedra
12 de xaneiro 2026

Nano volve a casa e De Lange chega para soñar en grande, unha mestura de corazón e ambición para mirar cara a Asobal renovando a ilusión no Pavillón

Evan De Lange y Nano Martínez
Evan De Lange y Nano Martínez / PontevedraViva

A Sociedade Deportiva Teucro presentou este luns, no Pavillón dos Deportes de Pontevedra, as súas dúas últimas incorporacións que reforzan tanto o presente inmediato como a idea de proxecto a medio prazo, isto é, a fichaxe do porteiro internacional holandés Evan De Lange e o regreso dun vello coñecido, Nano Martínez, que se suma ao corpo técnico como preparador físico do primeiro equipo masculino.

A chegada de De Lange supón osíxeno puro para a portaría teucrista, especialmente tras a lesión de Pablo González, que manterá ao gardamallas apartado das pistas durante preto de dous meses.

Aos seus 22 anos e con 1,92 metros de altura, o porteiro neerlandés aterra en Pontevedra procedente do Kras/Volendam, un dos clubs máis destacados do balonmán holandés. Faino, ademais, coa bitola de campión da Copa dos Países Baixos e MVP da final debaixo do brazo.

A pesar da súa mocidade, De Lange acumula unha traxectoria que convida o optimismo. Debutou como profesional con só 17 anos no HV Quintus, foi habitual nas seleccións inferiores do seu país, incluído un All-Star sub-20 antes de cumprir a maioría de idade, e en 2023 deu o salto definitivo á selección absoluta de Países Baixos.

O acordo co Teucro esténdese ata final de tempada, con opción de ampliar unha campaña máis.

"É unha oportunidade de mercado", explicou o adestrador Sergio Carballeira, que destacou a experiencia internacional do gardameta e a súa posible continuidade no proxecto.

Sergio Carballeira, Nano Martínez y Evan De Lange
Sergio Carballeira, Nano Martínez e Evan De Lange PontevedraViva

O propio De Lange, visiblemente ilusionado, agradeceu a confianza do club e asegurou estar "moi emocionado" por axudar ao equipo no seu obxectivo de regresar á liga Asobal. "Vin ao equipo xogar: a defensa traballa moi duro e o ataque é moi disciplinado. Compartimos a mesma visión", afirmou en inglés na súa presentación.

Xunto ao reforzo baixo paus, o Teucro recupera unha peza con ADN azul. Nano Martínez volve á entidade dúas décadas despois para integrarse no corpo técnico, unha figura moi querida pola afección e cun profundo coñecemento da casa.

"Vuelvo con la misma ilusión que antaño", confesou, recoñecendo que, aínda que tiña en mente tomarse un ano sabático,foi decisiva a chamada de Carballeira e a amizade que os une.

Nano destacou a diferenza respecto de experiencias recentes xa que "aquí hay una idea a largo plazo, un lienzo en blanco para trabajar, reestructurar o dar continuidad a lo que ya está bien hecho".. Esa confianza, sumada ao compoñente emocional de regresar "cerquita de casa", terminou por convencerlle.

"El hecho de llegar a un sitio y que te dejen, que te abran todo y que te digan haz lo que tú creas que se debe hacer y que todo el mundo se ponga a tu disposición... pues eso al final fue lo que más pesó", afirmou Nano.

Desde a dirección deportiva subliñan que ambas as incorporacións responden a unha mesma filosofía de construír un bloque competitivo sen perder a identidade do club.

Optimizar o rendemento, previr lesións e chegar nas mellores condicións ao tramo decisivo da tempada son prioridades nun proxecto que, paso a paso, empeza a ilusionar de novo ao pavillón.

Presentación de Nano Martínez y Evan De Lange
Presentación de Nano Martínez e Evan De Lange PontevedraViva