O campus de Pontevedra conta desde este martes co seu primeiro instituto de investigación. Trátase do Instituto de Investigación en Ciencias do Deporte (Cidega), unha nova estrutura científica que aspira a converterse nun referente na xeración e difusión de coñecemento sobre exercicio físico, saúde, rendemento deportivo e educación física.
O centro foi presentado nun acto institucional celebrado na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, onde terá a súa sede.
Durante a presentación, o director do instituto, Carlos Lago, explicou que o obxectivo é consolidar unha plataforma de referencia para impulsar a investigación e o coñecemento científico neste ámbito.
Segundo destacou, Cidega comeza a súa andaina cun equipo inicial de doce investigadores promotores, aínda que nos próximos días abrirase o primeiro proceso de incorporación de persoal investigador. Esta convocatoria, sinalou, constitúe o primeiro paso para ampliar progresivamente o equipo ata acadar arredor dun cento de investigadores nun prazo de dous ou tres anos, coa finalidade de consolidar o instituto como centro de referencia na investigación en ciencias da actividade física e o deporte.
Na presentación tamén participaron o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e o decano da facultade, Óscar García, quen coincidiron en definir o instituto como un "proxecto de país".
Para o reitor, a creación de institutos de investigación responde á estratexia da UVigo para reforzar a excelencia científica e incrementar a visibilidade do seu traballo, ao tempo que favorece a colaboración interna e externa.
O novo organismo convértese no quinto instituto de investigación da UVigo e no primeiro do campus pontevedrés. Ademais, segundo lembrou Lago, a universidade destaca internacionalmente no ámbito das ciencias do deporte, situándose entre as 300 mellores do mundo segundo o ránking de Shanghai.
O instituto está promovido por docentes e investigadores da facultade e doutros centros da universidade que traballan en diferentes ámbitos vinculados coa actividade física e o deporte.
As súas liñas de investigación abranguen desde o estudo do rendemento en deportistas de elite e a análise do adestramento en deportes colectivos ata o papel do exercicio físico na saúde, especialmente en persoas maiores e colectivos con necesidades específicas.
Tamén inclúen investigacións sobre competencia motriz, epidemioloxía da actividade física, emerxencias na práctica deportiva, innovación docente en educación física e economía do deporte.
Tras aprobar o seu regulamento interno, Cidega dispón xa dunha xunta directiva, dun consello asesor externo e dun comité científico. A súa estratexia céntrase en consolidar unha cultura de investigación de excelencia e aumentar a masa crítica de persoal investigador, así como en reforzar a produción científica.
Outro dos alicerces do proxecto será a transferencia de coñecemento ao sector deportivo e á sociedade. Neste sentido, o instituto pretende ofrecer apoio científico a entidades deportivas, clubs, profesorado de educación física ou centros sanitarios.
Tamén buscará incrementar o financiamento externo e atraer talento investigador, primeiro doutras áreas da propia universidade e, a medio prazo, doutras institucións galegas, estatais e internacionais.