Sete obradoiros abertos á cidadanía no campus de Pontevedra

Pontevedra
03 de febreiro 2026

O campus pontevedrés abriu a inscrición para os obradoiros de extensión universitaria do segundo cuadrimestre e que son abertos a toda a cidadanía

Un obradoiro no campus de Pontevedra
Un obradoiro no campus de Pontevedra / Universidade de Vigo

Iniciarse no tenis e pádel, na modelaxe 3D ou na impresión con técnicas risográficas.

Son algunhas das propostas para o segundo cuadrimestre que ofrecen os obradoiros de extensión universitaria do campus de Pontevedra, oferta aberta a toda a cidadanía e nos que este luns 2 de febreiro abriu o período de inscrición.

En total, a Universidade de Vigo oferta sete obradoiros nuns cursos recoñecidos cun crédito o ETCS por cada 25 horas de traballo e que se desenvolverán entre febreiro e maio en diferentes facultades do campus.

Con 90 prazas en total, contan cunha matrícula de 26,65 euros para a comunidade universitaria, de 32,80 euros para outros colectivos vinculados á UVigo e de 41 euros para o público xeral, podendo anotarse até o próximo 11 de febreiro.

Do sete talleres que conforman esta programación, cinco ofértanse por primeira vez no campus.

É o caso de Técnicas gráficas de modelado 3D para o deseño de panos de seda, que arrincará o 20 de febreiro na Facultade de Deseño e que dá continuidade ao taller de impresión téxtil dixital impartido o pasado curso. Está dirixido polo profesor Román Corbato, abordando o proceso completo de creación dun pano de seda con técnicas analóxicas e dixitais, así como o uso da simulación 3D no deseño téxtil.

Tamén en febreiro está previsto o inicio, na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, do obradoiro Formación docente para a inclusión: a aprendizaxe-servizo como metodoloxía transformadora, centrado nunha metodoloxía na que a aprendizaxe do alumnado se combina co servizo que prestan a unha comunidade ou colectivo. Dirixido pola profesora Aroa Otero.

Dirección e Xestión Pública acollerá a partir de 26 de febreiro Mellora da convivencia no deporte base, un taller que busca achegar ferramentas de mediación, educación emocional e intervención psicopedagóxica adaptadas aos contextos deportivos. Impartido polo docente Ignacio Fernández e a profesora da USC Leticia López Castro.

O curso de Modelación escultórica en arxila será impartido polo profesor Eduardo Outeiro e a graduada en Belas Artes e técnica en escultura Teresa Pece nesta facultade a partir de 26 de marzo.

Entre o 13 e o 16 abril, Deseño acollerá Tailoring e experimentación, un curso de introdución á xastrería impartido pola docente e deseñadora Miriam Cartagena e a xastre e patronista Vitoria Marques. Permitirá os participantes realizar unha peza artesanal de xastrería desde o seu inicio, abordando tanto a creación dun patrón, como a súa modificación experimental, pasando polo corte e confección do tecido.

Repite presenza na programación de Extensión Universitaria do campus, en marzo e abril, a terceira edición de Iniciación aos deportes de raqueta e pa: tenis e pádel, un taller dirixido polo profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Iván Prieto, que permite coñecer tanto regulamento e os fundamentos técnico-tácticos destes deportes como os seus principais golpes.

Tamén repetirá 25 e o 29 de maio Belas Artes a segunda edición de Erro é ben, un taller de iniciación á risografía, dirixido a explorar as posibilidades dunha multicopiadora Riso SF9350 para a realización de publicacións de pequena tirada. Dirixido polo profesor Marcos Covelo.