Nace unha asociación cultural e deportiva de ex xogadores granates

Pontevedra
16 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Luis Rivas, quen defendeu a camiseta do PCF durante sete tempadas nos anos 70 e 80, será o seu primeiro presidente, e Martín Esperanza, lenda do Hai Que Roelo, o seu presidente de honra

Presentación da asociación cultural deportiva de ex xogadores granates
Presentación da asociación cultural deportiva de ex xogadores granates / Mónica Patxot

A sala de prensa de Pasarón acolleu a presentación da asociación cultural deportiva de ex xogadores granates do Pontevedra Club de Fútbol.

A organización terá autonomía e estatatutos propio á marxe do club, aínda que contará co apoio puntual do club granate cando ambas as partes poidan colaborar de forma conxunta. Tamén actuará en sintonía cos fins e proxectos da Federación Española de Asociacións de Veteranos de Fútbol (FEAVF).

Luis Rivas, quen defendeu a camiseta do Pontevedra durante sete tempadas nos anos 70 e 80, será o seu primeiro presidente, e Martín Esperanza, lenda do Hai Que Roelo, o seu presidente de honra.

A xunta directiva complétana Fernando Castro Santos (vicepresidente), José Manuel Piñeiro, 'Churruca' (tesoureiro), Román Muiños (secretario) e os vogais Rafa Sáez, Javier Cortizas, Juan Abal, Belarmino Alonso 'Milucho', Juan José García Cota, José Cal, Charles Dias, José Emilio Santiago, Jesús Neira, Amador Lorenzo, Pablo Vázquez, Moncho Martínez e Marcos Barreiro.

O acto de presentación contou coa presenza da presidenta do Pontevedra, Lupe Murillo, que expresou que "o nacemento desta asociación pon de manifesto o arraigamento e agarimo que tantos e tantos xogadores senten cara ao noso club mesmo décadas despois de vestir a nosa camiseta".

A pesar de que non será unha entidade dependente do club, "lucirán as nosas cores e escudo por lugares de España, e colaboraremos unidos para que cada vez máis xente senta orgullosa desta entidade".