Nadadores do Galaico renuncian ao nacional de longa distancia ao carecer de instalacións de adestramento

Pontevedra
31 de xaneiro 2023

O peche da piscina olímpica de Pontemuiños impide aos nadadores pontevedreses adestrar en igualdade de condicións con deportistas doutros clubs e xa empeza a afectar os resultados do club nas competicións máis importantes do calendario

Equipo do Galaico no Campionato de España de Natación en Augas Abertas
Equipo do Galaico no Campionato de España de Natación en Augas Abertas

Os nadadores do CN Galaico renunciaron a participar a pasada fin de semana no campionato de España de Longa Distancia. As precarias condicións de adestramento que soportan a diario Cristian Fernández, Ana Pérez García Picher, Sofía Barros ou Gisele Rocha obrigáronlles a renunciar a competir nun campionato ao que se clasificaron polas súas marcas na cita autonómica previa. 

"Imos co adestramento xustísimo a todos os campionatos", lamenta Diego Pérez, director deportivo do CN Galaico. O peche da piscina olímpica de Rías do Sur, o mal funcionamento e a masificación do vaso de 25 metros de Pontemuíños, así como as dificultades para atopar ocos nas instalacións do CGTD ou da Escola Naval está a lastrar a preparación dos nadadores dun club afeito a relacionarse coa elite da natación nacional. 

"Con estas condicións de adestramento non se pode preparar unha competición na que tes que nadar 5.000 metros. Con este nivel de adestramento decidimos non inscribilos e aforrarnos ese desembolso, porque os resultados non ían ser satisfactorios", explica o responsable técnico do club, que segue facendo encaixe de palillos para que os seus pupilos adestren nas mellores condicións posibles á espera de que as institucións dean cunha solución ao conflito de Rías do Sur que xa case leva un ano sen unha actividade normal.

Con todo, desde o club confían en poder preparar con normalidade a tempada de verán de augas abertas, nas que as condicións meteorolóxicas xa permitirán aos nadadores adestrar no Pontillón do Castro.

O campionato de España de Longa Distancia forma parte da tempada invernal da modalidade de augas abertas, que nos meses máis fríos do ano celébranse baixo teito. 

O que se participou no nacional de longa distancia foi o nadador de categoría infantil becado no CGTD, Olivier Rocha, que terminou en décimo quinta posición na proba de 3.000 metros. 

Doutra banda, cinco nadadores do club participaron en Ourense nun clinic de bolboreta organizado pola RFEN. Paula Fariña, Marlene Rocha, Alicia Bayón, Tomás Gómez e André Rendo adestraron ás ordes do técnico Jose Aláez, do Real Canoe; e do nadador internacional Juan Segura.