O Club Mace-Sport de Pontevedra está de celebración esta fin de semana. O cadete Nico Casas, colgouse a medalla de bronce no Campionato de España de taekwondo en Cartaxena.
Nico superou na primeira rolda a Joseba, de Navarra, e na segunda de cuartos de final a Marcos Picazo, de Castela a Mancha. Neste último enfrontamento cada un gañou un asalto e, no de desempate, o pontevedrés estivo máis enteiro e levoullo con claridade.
Con todo, na rolda de semifinais foi incapaz de opoñerse a Iván, representante de Baleares e competidor de último ano, que se fixo cun triunfo marcado á hora de realizar os impactos.
O deportista do Mace-Sport subiuse ao podio no que está a ser o seu primeiro ano na categoría e primeira participación coa Selección Galega.