Sergio Troitiño, título nacional sub-21 e billete directo ao Europeo

Marín
24 de maio 2023

O deportista do Mat's de Marín conseguiu en Cartaxena o ouro no Campionato de España que lle vale a clasificación directa para o próximo Campionato de Europa da súa categoría

Deportistas do Mat's no Campionato de España Sub-21 en Cartaxena
Deportistas do Mat's no Campionato de España Sub-21 en Cartaxena

Os campionatos de España de taekwondo celebrados durante a fin de semana en Cartaxena deixaron grandes noticias para o taekwondo pontevedrés.

Unha delas chegou en categoría sub-21 coa medalla de ouro de Sergio Troitiño (Mat's de Marín) que lle supón ademais o premio extra da clasificación directa para o próximo Campionato de Europa da categoría.

Troitiño segue destacando na súa progresión e en Cartaxena realizou un torneo inmaculado vencendo en tres combates. Primeiro impúxose a Mohamed Halhoul Hossain (Ceuta) en dous asaltos e despois superou tamén en dúas mangas aínda que máis axustadas o andaluz Jesús Gómez para citarse na final co campión da pasada edición.

No combate polo título Sergio foi mellor que Lucas Llopis en dous asaltos demostrando o seu bo momento de forma.

O Mat's de Marín logrou ademais outras dúas medallas con Daniel Agra, prata, e Ángela Balado, bronce. Ambos na competición cadete.

Pola súa banda o cadete Roi Fraga deulle unha medalla de ouro ao club Número Phi Taekwondo de Caldas de Reis.