A participación da pontevedresa Sara Cortegoso no Campionato do Mundo Absoluto de Taekwondo chegou ata a segunda rolda do torneo.
A deportista do Mace Sport acudía ao Mundial que se está celebrando en Bakú coa ilusión de facer un bo papel.
"Estou con boas sensacións, adestrando moi moi forte e con alta intensidade", aseguraba á súa chegada a Acerbaixán en declaracións á Federación Galega de Taekwondo.
A súa quenda na categoría de -46 quilos chegaba este venres, cun debut fronte á palestina Qabaha na que Cortegoso venceu en dous asaltos de maneira clara (9-4 / 17-9).
En segunda rolda esperáballe unha dura rival, a kazaka Rita Bakisheva. Neste combate Sara non logrou facer dano á súa competidora e cedeu en dúas mangas (1-10 / 1-9) dicindo adeus ás súas esperanzas no Campionato.
A representación da armada pontevedresa o Bakú pecharaa o vindeiro domingo 4 de xuño Iván García (Mat's de Marín), actual subcampión mundial en +87 quilos.