Grandes resultados para o taekwondo pontevedrés no Campionato de España de clubs

Pontevedra
10 de decembro 2023

Cun total de seis medallas, os clubs pontevedreses Taekwondo Taekanart (Monte Porreiro), Mace Sport (Pontevedra) e Número Phi (Caldas de Reis) finalizaron o seu periplo polo Campionato de España de clubs que se celebrou durante estes días en Alacante

Ekaterina Rebon, do Número Phi, nun combate
Ekaterina Rebon, do Número Phi, nun combate / Número Phi Taekwondo

Os clubs pontevedreses Taekwondo Taekanart (Monte Porreiro), Mace Sport (Pontevedra) e Número Phi (Caldas de Reis) finalizaron o seu periplo polo Campionato de España de clubs que se celebrou Alacante conseguindo grandes resultados.

A primeira xornada de competición foi para os precadetes, onde os representantes do Taekanart Enzo Carballo e Valeria Mallo conseguiron un ouro e unha prata, respectivamente.

O segundo día chegou a quenda dos cadetes e sub 21, conseguindo o club de Monte Porreiro un bronce da man de Álex Pazos, que se alzou co metal despois dunhas disputadas semifinais. Roi Mosteiro (Número Phi), pola súa banda, quedou ás portas das medallas.

Cos deportistas de categoría júnior continuou o taekwondo pontevedrés subindo ao podio. Aínda que Elena Luis e Daniel Estévez (Taekanart), e Ayrton Iglesias (Numero Phi) non lograron medalla, Anxo Pavón (Mace Sport) e Ekaterina Rebon (Número Phi), proclamáronse campión e subcampioa de España júnior.

Ekaterina volvía competir nun nacional tras a lesión de xeonllo que a mantiña fóra do tapiz máis dun ano e fíxoo pola porta grande. Gañou un total de cinco combates e só foi superada pola competidora catalá, mentres que Pavón colgouse a medalla de ouro júnior en -63 quilos.

O nacional de clubs puxo o broche de ouro o domingo coa celebración das probas de categoría absoluta, onde Sara Cortegoso (Mace Sport), proclamouse campioa de España despois de tres magníficos combates que a levaron a alcanzar a primeira posición, eliminando no definitivo a Lydia García.

Pola súa banda, os taekwondistas do Taekanart Braian Franco e Álex Pazos volveron sen carga do campionato. Pazos, ademais, tívose que retirar por lesión.