O Pontevedra Club de Fútbol sumou un punto en Luanco que pode ser especialmente valioso a final de tempada, deixando ademais despois de tres encontros consecutivos a súa portaría a cero, pero volveu botar en falta o xogador que até a data mostrouse máis decisivo esta tempada, Dalisson de Almeida.
O 18 granate perdeu contra o Marino o seu terceiro encontro consecutivo por lesión, e sexa por esta ausencia ou por outros factores que tamén suman na ecuación, os números do equipo adestrado por Yago Iglesias resentíronse notablemente.
O hispano-brasileiro fora titular nas primeiras 19 xornadas do campionato, unha peza fixa nos plans de técnico, respondendo á confianza con 9 goles en liga (máis 2 en Copa de Rei) pero sobre todo sendo unha auténtica ameaza para os rivais pola súa influencia no xogo do equipo, nas accións a balón parado e até na presión sen balón.
Nese tempo o Pontevedra sumou 43 puntos (13 vitorias, 4 empates e só 2 derrotas), con 29 goles a favor e só 12 en contra.
Isto supón unha media de 2,26 puntos por xornada, con 1,52 goles anotados por encontro e só 0,63 recibidos.
Con todo sen Dalisson a estatística descendeu notablemente, sobre todo debido ao mal partido en Riazor fronte ao Fabril.
Así en tres xornadas os granates gañaron un partido, empataron outro e perderon outro máis, 4 puntos de 9 posibles (1,33 por xornada).
Ademais nese tres choques só anotaron os 2 goles conseguidos contra o Langreo, quedando a cero en Riazor e en Luanco (0,66 goles a favor por partido) e con 4 tantos encaixados (1,33 por choque).