Yago Iglesias, tras o empate ante o Marino de Luanco: "O equipo soubo xogar o partido que tocaba"

Pontevedra
16 de febreiro 2025
Actualizado: 21:02

Para o técnico granate o empate foi "positivo", o seu equipo adaptouse ben ao terreo de xogo e ao seu rival, soubo xogar o partido e iso permítelle seguir na pelexa polo liderado

Partido entre Pontevedra CF e UP Langreo en Pasarón
Partido entre Pontevedra CF e UP Langreo en Pasarón / Cristina Saiz

O Pontevedra Club de Fútbol desaproveitou este domingo a oportunidade de asaltar o liderado despois de empatar no campo do Marino de Luanco.

Para o técnico granate, Yago Iglesias, o empate foi "positivo", o seu equipo adaptouse ben ao terreo de xogo e ao seu rival, soubo xogar o partido e iso permítelle seguir na pelexa na zona alta da clasificación igualado a puntos co Numancia.

Iglesias tamén dixo na rolda de prensa tras o partido que o condicionante principal para os dous equipos foi o estado do campo, por iso cre que os seus, a pesar de non gañar, "estiveron ao nivel que pedía o enfrontamento. Contabamos con ter que cambiar un pouquiño a nosa idea de formulación e creo que nos adaptamos ben, o equipo competiu e soubo xogar o partido que tocaba hoxe".

Iso si, espera que no que resta de tempada "non teñamos que botar en falta estes dous puntos e acabemos no máis alto".

En relación a como afrontan os seus xogadores o xogar os domingos pola tarde coñecendo o resultado do Numancia, o adestrador recoñeceu que o toman "con normalidade e naturalidade" e que non inflúe na súa maneira de xogar. O que si indicou é que o empate dos sorianos este domingo despois de estar con dous goles de vantaxe "fala do difícil que é a categoría".

Cada desprazamento é complexo e por iso "hai que darlle mérito ao que está a facer este equipo. Antes desta xornada vía este deplazamiento como un moi complexo, pero agora xa o sacamos adiante. Este punto vainos a vir ben a nivel emocional", subliñou.

O adestrador aproveitou tamén a rolda de prensa para lembrar "o temporadón" que están a realizar e o desgaste tanto físico como mental ao que estiveron -e están- sometidos. "Estamos nun momento no que estamos a tentar recuperar sensacións e houbo xente que quedou sen xogar pensando en recuperar pernas de face ao fin de semana que vén", afirmou.