Non afrouxa o Teucro, que vence ao Nava (28-29) e é aínda máis líder

Pontevedra
18 de febreiro 2017

Os azuis saen reforzados de Nava de la Asunción, onde dominaron o choque de principio a fin, e aproveitan o tropezo do Palma del Río ante o Cisne para ampliar a cinco puntos a súa vantaxe á fronte da clasificación

Partido entre Nava y Teucro
Partido entre Nava y Teucro / PontevedraViva

Son xa 18 os partidos que acumula sen perder unha Sociedad Deportiva Teucro que non afrouxa o ritmo e empeza a gozar dunha importante vantaxe á fronte da clasificación da División de Honra Prata.

Os azuis venceron na cancha do Club Balonmán Nava (28-29) e aproveitan o favor do Cisne, que venceu en Pontevedra ao Palma del Río, para ampliar a cinco puntos a distancia sobre o seu inmediato perseguidor.

Non deron opción á sorpresa os de Quique Domínguez en Nava de la Asunción, nun choque que dominaron desde o inicio, desde o 2-1 de saída que foi a única vantaxe dos locais en todo o partido.

Enseguida o cadro teucrista, con dous goles de Edu Moledo, recuperou a iniciativa e xa non a cedeu ata o final do choque.

Durante boa parte do primeiro tempo o Nava tentou agarrarse ao partido, chegando a poñerse a un gol (9-10) case no minuto 20, pero tras superar unha exclusión de Juan Quintas un minuto despois, os azuis deron un golpe encima da mesa para conseguir abrir unha brecha importante antes do descanso (13-17).

Ao comezo da segunda metade o Nava tentou reaccionar e nun bo inicio púxose a dous goles (18-20), pero o Teucro non afrouxou e recuperou pronto os catro goles de vantaxe para administrar despois con criterio a súa renda ata o tramo final.

Nos últimos minutos volveron meterse no partido os locais, que deron emoción ao colocarse primeiro a dous goles (26-28), tras unha exclusión de Dani Hernández, e despois a só un (28-29), cando restaba pouco máis dun minuto para o final do choque. Foron instantes de incerteza, pero o Teucro defendeuse con acerto para certificar un imporante triunfo que lle achega un pouco máis á Liga Asobal.

Consulta aquí o acta do BM Nava-SD Teucro.