Novas pistas de tenis para o Círculo Cultural Deportivo Sanxenxo

Sanxenxo
15 de xullo 2021

O club estreou esta semana as súas novas pistas, para así poder acoller a primeira edición do seu torneo internacional júnior como competición de Grao 1, a máxima categoría internacional despois dos catro Grand Slam

Novas pistas de tenis do CCD Sanxenxo Círculo Cultural Deportivo de Sanxenxo

O Círculo Cultural Deportivo de Sanxenxo estreou esta semana a súa nova imaxe.

A entidade renovou as súas pistas de tenis de superficie dura, acudindo para iso ao mesmo provedor do Open de Australia.

"Con estas pistas pódese dicir que o noso club conta cunha das mellores instalacións tenísticas de Galicia", recoñeceu o director deportivo do club, Noli Álvarez.

Tras esta renovación do CCD Sanxenxo está listo para estrear este ano a catalogación de Grao 1 no seu Torneo Internacional Júnior, a máxima cualificación posible salvo para os catro Grand Slam.

"Xa estamos totalmente preparados para o torneo", sinalou Álvarez, polo que pasarán algunhas das mellores promesas do panorama tenístico como no pasado fixeron nomes como a recente gañadora do cadro júnior de Wimbledon, Ane Mintegui, ou o vencedor do mesmo torneo hai poucos anos, Alejandro Davidovich.