Pasou xa máis dun ano desde que Javier Gómez Noya iniciase a súa nova aventura no tríatlon como adestrador principal do Team España Elite, equipo nacional que fixou desde entón a súa base no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.
"Estamos encantados de adestrar en Pontevedra. Aquí temos todo o que necesitamos", defende a layenda do tríatlon.
En declaracións a PontevedraViva, Gómez Noya valorou o traballo dos últimos meses na súa nova faceta e tamén o ambicioso reto que ten en mente, levar de novo o tríatlon galego e polo tanto ao nacional aos Xogos Olímpicos xa na cita de Los Ángeles 2028.
"Ese é o obxectivo", recoñece pondo ademais nome e apelidos á principal baza para logralo, a naronesa Sara Guerrero.
"Sara está con serias posibilidades. Agora mesmo está no 20 do ranking mundial e como segunda española. Agora empeza o proceso de clasificación e a partir de aí é onde ten que demostralo pero bueno, progresou e teño confianza en que poidamos conseguilo, imos tentar axudala", afirma convencido.
"Despois do primeiro ano creo que os triatletas van entendendo a filosofía de traballo e adestramento e tivemos moi bos resultados, sobre todo con Sara que pasou de nunca facer un top-10 na Copa do Mundo a levar catro e tres podios este ano. Vaise a meter na pelexa directa polas prazas olímpicas", reafirma o cinco veces campión mundial da modalidade olímpica do tríatlon.
Ademais "en sub23 tamén tivemos moi bos resultados con María Casals, quinta no Mundial. Estou contento co traballo que estamos a facer", explica Gómez Noya.
A nivel persoal e en canto á súa nova faceta como adestrador "foi moita aprendizaxe este primeiro ano", revela, aínda que o de adestrar "é algo que me gusta. Sempre tiven xa como triatleta moita inquietude por saber por que facía as cousas e adestrada dunha ou outra maneira. Agora gozo moito de poder transmitir eses máis de 20 anos de experiencia e todo o que aprendín polo camiño", sinala.
O que ten claro é que este novo camiño seguirá estando moi ligado á súa cidade, a Pontevedra, con concentracións puntuais fóra como a que iniciarán este mes de decembro en Murcia ou a que teñen previsto no mes de xaneiro, pero "xa a partir de febreiro estaremos instalados de novo en Pontevedra como a nosa base", adianta un Javo Gómez Noya que mira cara a Los Ángeles 2028 pero tamén cara á Gran Final das Series Mundiais que se celebfrará por segunda vez na historia na Boa Vila, o próximo mes de setembro.