Novo tratamento para o maltreito céspede de Pasarón

Pontevedra
21 de marzo 2018

Durante toda a xornada deste mércores os operarios da empresa contratada polo club proceden ao picado e resementado do terreo de xogo, moi danado polos últimos encontros

Tratamento de urxencia no céspede de Pasarón PontevedraViva

O Pontevedra está a poñer todo do seu parte para tentar mellorar o aspecto do céspede do Estadio Municipal de Pasarón, pero nin con esas consegue recuperar un terreo de xogo que está a penalizar ao equipo nos encontros que disputa como local.

Os problemas na capa de drenaxe, froito da mala construción do terreo, unidos á choiva do inverno e aos últimos partidos disputados no estadio volveron a deixar o verde nunha situación crítica.

Mentres no club empezan a asumir que tarde ou cedo a única solución pasa por levantar o terreo para realizar unha correcta instalación da drenaxe e os tepes de céspede, o conselleiro responsable desta parcela, Manuel Ruibal, dirixe estes días os traballos dun novo tratamento de urxencia para tentar recuperalo terreo na fase final da tempada.

Desde primeira hora deste mércores a empresa contratada polo Pontevedra para o mantemento de  Pasarón traballa con maquinaria para picar o terreo, co obxectivo de evacuar a auga que se acumula no subsolo. Ademais a actuación contempla a aplicación de area e o resementado do céspede.

Con estes coidados, unido á melloría no tempo e a que nas próximas semanas os partidos en Pontevedra limítanse ao choque ante o Talavera o Xoves Santo e á volta da final de Copa o 11 de abril, desde o club esperan poder mellorar considerablemente o estado do céspede.

NACHO LÓPEZ, MÁIS TEMPO DE BAIXA DO ESPERADO

No plano estritamente deportivo o centro de atención céntrase no estado dos xogadores que arrastran problemas físicos.

Neste aspecto a peor noticia deuna nas últimas horas Nacho López, ao confirmarse tras pasar revista médica que o lateral sofre unha rotura de fibras que lle manterá de baixa máis tempo do esperado inicialmente. Pola súa banda Jimmy segue sen estar dispoñible para o técnico e a dúbida céntrase agora en Adrián León, que este mércores abandonou a sesión de adestramento antes do previsto por precaución, pero que se espera poida recuperarse a tempo para enfrontarse ao Deportivo B. Nese encontro causará ademais baixa por sanción Jorge Hernández.