O 113 Swim Ride Run de Sanxenxo amplía a súa oferta cun tríatlon de distancia olímpica

Sanxenxo
14 de abril 2017

A carreira, do mesmo xeito que a de media distancia, celebrarase o domingo 21 de maio co seu centro operativo instalado na praia de Silgar e contará coa particularidade de que se prohibirá o 'drafting' (ir a roda no sector ciclista)

Primeiro tríatlon 113 Swim Ride Run de Sanxenxo
Primeiro tríatlon 113 Swim Ride Run de Sanxenxo

Do mesmo xeito que hai uns anos, cando se disputou na localidade o Tríatlon Rías Baixas, Sanxenxo volverá contar cun tríatlon en distancia olímpica.

Será dentro do 113 Swim Ride Run, que na súa segunda edición decidiu ampliar a súa oferta inicial, que era só de media distancia.

Desta forma na mesma data, o domingo 21 de maio, disputarase unha carreira paralela de 1.500 metros de natación, 40 quilómetros de ciclismo e 10 quilómetros de carreira a pé que terá tamén como centro de operacións a praia de Silgar e contará coa particularidade de non permitir o 'drafting' (ir a roda no sector ciclista).

As inscricións nas dúas modalidades da 113 Swim Ride Run poderanse formalizar ata o día 16 de maio na web www.championchipnorte.com.

Para a proba de media distancia (1.900 metros de natación, 90 quilómetros de ciclismo e 21 quilómetros de carreira a pé), que terá catalogación de Campionato Galego da especialidade, anotáronse xa preto dun cento de atletas.

A que non se celebrará, a pesar de estar prevista inicialmente, é a carreira popular de 5 quilómetros con saída e chegada na Praza do Mar que foi aprazada pola organización.