O ABC Braga lévase o triangular Cidade de Pontevedra tras gañar o Teucro e o Xiria

Pontevedra
28 de agosto 2014

Os pontevedreses gañaron o seu primeiro partido ante o Xiria e caeron no último encontro ante os portugueses. O próximo compromiso, a semifinal de Copa Galicia ante o Balonmán Lalín

Víctor Rodríguez nunha acción do Teucro-ABC Braga na pretempada 2014-2015
Víctor Rodríguez nunha acción do Teucro-ABC Braga na pretempada 2014-2015 /

O Triangular Cidade de Pontevedra marchou para Portugal, despois de que o ABC Braga luso gañase os seus dous partidos do torneo celebrado no Pavillón Municipal.

Segundo foi a Sociedade Deportiva Teucro, que logrou gañar ao Xiria de Carballo no seu primeiro encontro, de só 35 minutos, por 15 a 10.

Os pontevedreses caeron non obstante no choque definitivo ante o Braga (18-24), evidenciando que aínda que a preparación avanza a bo ritmo, aínda faltan adestramentos para chegar á súa mellor versión.

O próximo compromiso dos azuis será a semifinal de Copa Galicia ante o Balonmán Lalín, fixada para a tarde do sábado (19:00 horas) na capital dezana. En caso de gañar, os de Quique Domínguez xogarían na mañá do domingo en Tui a gran final ante o vencedor do Atlético Novás-Cangas.