O alcalde involúcrase na busca dun patrocinador para o Teucro

Pontevedra
26 de maio 2015

O Concello ofreceu unha recepción oficial ao club azul como "recoñecemento da cidade" polo ascenso á máxima categoría do balonmán nacional na que Lores recoñeceu que negociou sen éxito con Estrella Galicia e mantén abertas "outras posibilidades" que poden frutificar na chegada dun patrocinador para o equipo

Miguel Anxo Fernández Lores na recepción ofrecida ao Teucro tras o seu ascenso
Miguel Anxo Fernández Lores na recepción ofrecida ao Teucro tras o seu ascenso / Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra ofreceu este martes unha recepción oficial á Sociedad Deportiva Teucro como "recoñecemento da cidade" polo ascenso á máxima categoría do balonmán nacional.

Na recepción, celebrada no Pazo de Mugartegui coa presenza do plantel azul, directiva e algúns membros da corporación municipal, o alcalde quixo gabar "a un equipo que superou todas as adversidades".

Miguel Anxo Fernández Lores afondou ademais no "labor extraordinario" da directiva nos últimos anos e comprometeu o seu apoio tratando de "recuperar os 60.000 euros ou un pouquiño máis" que o club percibía antano de subvención municipal.

Por se fose pouco o rexedor revelou as xestións que vén realizando nas últimas semanas para intentar que o Teucro conte cun novo patrocinador que axude a asumir o incremento de custos por competir en Asobal.

Segundo explicou Lores, negociou "persoalmente" con Estrella Galicia, pero fíxoo sen éxito porque a firma cervexeira "ten unha política de patrocinios que non chega ao balonmán".

Malia a decepción o alcalde mostrouse optimista de que outras posibilidades abertas poidan desembocar nun acordo que axude economicamente ao club azul.

Antes de concluír o acto, os capitáns do Teucro entregaron unha camiseta asinada a Fernández Lores en sinal de gratitude polo apoio prestado.